DATOS TURISMO EN GALICIA

30.01.2020

A repercursión económica do turismo en Galicia está acadando cada vez cifras máis elevadas e cómpre coñecelas tendencia para poder xestionar o impacto de turistas e visitantes. Para iso podemos acceder a varias ferramentas moi útiles que nos fornecen distintas entidades, as máis delas dependentes de administracións públicas.

Noites en aloxamentos turísticos en relación ao total de Galicia segundo o destino turístico. Ano 2018. Imaxe do web do Instituto Galego de Estatística

Como sempre que se fala de números, a referencia é o INE (Instituto Nacional de Estatística) e se queremos a acotar a datos sobre Galicia, temos o IGE (Instituto Galego de Estatística). En termos xerais cando falamos de turismo o INE é o gran recopilador de datos, mentres que o IGE traballa con datos que compila o INE.

Cando queremos consultar informacións a nivel estatal, hai algúns indicadores que son básicos, a saber:

  • FRONTUR. Son datos de movementos en fronteiras. Isto é especialmente relevante se queremos datos de viaxeiros/as que chegan por aeroportos e portos, xa que os desplazamentes por terra dentro da UE son practicamente imposibles de controlar.
  • EGATUR. A partir de enquisas elabóranse datos do gasto que realizan os/as turistas no territorio estatal (última actualización en novembro 2019, cun gasto medio/turista de 161 €/día e unha estancia media de 6'76 días).
  • OCUPACIÓN ALOXAMENTOS TURÍSTICOS. Son datos a partir de enquisas nas que se diferencia entre hoteis, apartamentos turísticos, campings, albergues, turismo rural. Aquí temos o problema das distintas regulacións entre CCAA, polo que non sempre as categorías se corresponden e tampouco existe unha mesma normativa do tipo de requisitos para alugueres de pisos turísticos.

Infografía sobre turismo da páxina web do INE

A Conta Satélite do Turismo é unha ferramenta da OMT (Organización Mundial do Turismo) que consiste nun sistema mundial de contas turísticas que facilitan información básica, sólida, exhaustiva e internacionalmente uniforme tocante ás repercursión económicas do turismo. Algunhas das variables que manexa son:

  • A participación real no PIB do turismo.
  • O tamaño da industria turística respecto a outros sectores económicos.
  • Os números do emprego turístico.
  • Os niveis de investimento no turismo (públicos e privados).
  • Como actúa o turismo na Balanza de Pago dos países, é dicir, que repercusión ten o turismo nas súas economías.
  • Os ingresos por turismo nos países.

A principal vantaxe desta Conta Satélite do Turismo é facilitar uns parámetros estandarizados á hora de facer comparativas entre diferentes países. Esta conta en España faise dende o INE, e para o ano 2018 o valor no PIB do Turismo foi do 12'3% (147.946 millóns de euros) e 2.620.000 empregos (12'7% do emprego).

Para o caso de Galicia, sobre todo nas localidades polas que pasa o Camiño de Santiago, outra fonte útil é a da Oficina do Peregrino, que recolle datos a partir das informacións facilitadas polas persoas que van recoller a Compostela. Son moi útiles as estatísticas anuais descargables (última dispoñible é a de 2018).

Para rematar, outra iniciativa que parte do sector privado, Exceltur. Trátase dunha asociación sen ánimo de lucro que está formada por 28 das empresas máis relevantes no sector do turismo en España (axencias de transporte, aloxamentos, axencias de viaxes, centrais de reserva, etcétera). Contan con varios indicadores propios (Monitur, Urbantur) entre os que destaca o Impactur, que son estudos do impacto do turismo que se adoitan facer por Comunidades Autónomas en colaboración cos gobernos autonómicos. No caso de Galicia, o último estudo é o Impactur 2017.

Infografía da páxina web de Exceltur