ENOTURISMO

10.10.2019

Se falamos de patrimonio en Galicia non podemos deixar nunca de lado a cultura do viño. Bo reflexo disto son as 5 Denominacións de Orixe (DO) que producen grandísimos viños de recoñecido prestixio internacional.

Dende o eido do turismo, cando pretendemos transmitir o que é un territorio, ás súas xentes, o seu patrimonio, cómpre entender o seu contexto histórico. Vivir experiencias únicas e singulares é un dos obxectivos do enoturismo, por iso cada unha destas cinco Denominacións de Orixe contan con cadansúa Ruta do Viño, onde atopamos un rico abano de ofertas que nos achegan a Galicia a través dos viños.

Cada ruta xestiónase a través dunha asociación na que adegas, restaurantes, aloxamentos e outros servizos complementarios (guías, axencias de viaxes) forman parte. Evidentemente o volumen de actividades varían moito entre unhas rutas e outras, xa que o propio número de adegas, a produción e a superficie de cada DO é distinto (de feito hai Denominacións de Orixe que están estruturadas en subzonas, como é o caso da DO Rías Baixas: O Salnés, O Rosal, Soutomaior, O Ulla e O Condado).

Para achegarnos a este mundo do enoturismo, cada ano organízanse as Xornadas de Portas Abertas das Rutas dos Viño (acceso a web das VIII Xornadas). Son unha magnífica oportunidade para realizar actividades de todo tipo: excursións dun día visitando adegas no bus do viño, rutas de senderismo por lagares rupestres, cursos de iniciación a maridaxes, catas comentadas, visitas guiadas en museos e centros de interpretación, tratamentos en balnearios con peeling de uva... vaia, que hai unha morea de cousas e cada edición van variando.

Outra alternativa son os trens turísticos que organizan excursións dun día (combinando tren e bus). No caso de Galicia hai 12 rutas distintas, das que 6 teñen como eixo temático as rutas do viño. Cada ano adoita publicarse un calendario das rutas e as datas de cada ruta, xa que son actividade puntuais.

Para rematar, a maiores hai algunhas adegas que contan cun departamento de enoturismo e alén das actividades máis convencionais (visita a adega, catas comentadas) tamén organizan outras iniciativas. Por citar un exemplo, no pasado verán de 2019 realizouse "Del Mar a la Viña", unha colaboración entre Terras Gauda e Orpagu (Organización de Palangreiros Guardeses). Neste caso combinábase unha visita a adega cunha maridaxe de conservas gourmet e unha navegación que ía dende O Atlántico (Porto da Guarda) ao río Miño (pantalán de Goián), un espazo onde a historia compartida entre Galicia e o Norte de Portugal é o protagonista convidado.

Se queres escoitar un pouquiño máis do tema, podes acceder ao audio da sección de turismo do programa Día a Día da Radio Municipal de Tui. Neste caso estivemos acompañados por Begoña Santamaría de Terras Gauda.