EXPOSICIÓN GALAICOS: UN POBO ENTRE 2 MUNDOS

07.01.2020

Galaicos é unha exposición itinerante está organizada pola Deputación de Pontevedra que podemos visitar ata o 2 de febreiro no Museo de Pontevedra (Sexto Edificio). Combina obxectos con paneis e breves audiovisuais, presentando o noroeste peninsular dende o Bronce Final (1500-800 a.n.e.) ata a romana provincia de Gallaecia (séculos IV-VI).

Obviamente os protagonistas son os xacementos arqueolóxicos nos que a Deputación de Pontevedra realizou proxectos de investigación nos últimos anos, e faise moito énfase na posición privilexiada a nivel de comunicació marítima, a 4 días de navegación de Cádiz e a 4 días de navegación de Cardiff. É dicir, saliéntase Galicia como ligazón europeo entre as culturas atlánticas e as mediterráneas.

Tocante aos obxectos, a verdade é que hai unha boa escolma que reflicte os distintos períodos. Hai un que resulta moi curioso e ilustrativo, trátase dunhas cunchas do xacemento da Lanzada, entre as que podemos atopar vieiras, lapas, ostras ou ameixas... polo que se ve, os nosos devanceiros xa estaban tiñan o padal moi afeito ao marisco. Pra quen goste da orfebrería, a diadema/cinto de ouro atopada no Castro de Elviña é unha auténtica marabilla.

Dos paneis o máis impactante son as imaxes aéreas, xa que nos aportan unha perspectiva diferente á que podemos obter cando visitamos estes xacementos. Algo que tamén se reflicte nos vídeos, especialmente no que pecha a exposición. O malo destes audiovisuais é que non están funcionando todo o tempo, e ás veces hai que agardar un tempo ata que o reproduzan... claro, o primeiro agardas, o segundo se cadra tamén pero xa no terceiro a maior parte da xente pasa do tema.

Cómpre mencionar que os mércores e os sábados ás 18h hai visitas guiadas á exposición sen necesidade de inscrición previa. Iso si, son 20 prazas por rigoroso orde de chegada, polo que convén con algo de antelación. Os grupos (máis de 10 persoas) poden concertar visitas guiadas á marxe destes horarios chamando ao Gabinete Didáctico (986 804 100 extensión 42412 e 42413, de luns a venres de 8:30 a 14:30, ou correo electrónico gabinetedidactico.museo@depo.gal).Os Horario de visita son:

  • De martes a sábados: de 10:00 a 21:00
  • Domingos e festivos: de 11:00 a 14:00

Organízanse tamén actividades para centros escolares e familias, como poden ser os obradoiros de "Cerámica castrexa, modelando coas mans" (18 e 25 de xaneiro, con inscrición previa) ou "Vestíndonos como galaicos" (neste caso xa non hai datas previstas en xaneiro).

Existe tamén unha publicación (editora Alvarellos) co mesmo nome da exposición "Galaicos: un pobo entre dous mundos", na que hai 2 partes: a primeira é unha contextualización moi interesante de Xurxo Ayán, Antoni Nicolau e Rafael Rodríguez, que sen dúbida aconsellamos ler. A segunda son fichas dos xacementos na provincia de Pontevedra nos que estivo traballando a Deputación estes anos, feitos coa intención de que cando visitemos estes castros teñamos unha información básica do que podemos atopar neles.

Máis información no web da exposición GALAICOS