Illas de Galicia - Illa Insua

17.11.2026

A Insua é unha illa que está na desembocadura do Miño ao Atlántico e aínda que actualmente é territorio portugués, non sempre foi así. O punto máis próximo a terra firme é a praia de Moledo (Caminha), a uns 350 metros. A algo máis distancia está a zona do Puntal, en Camposancos (A Guarda). A barra norte é unha zona moi rochosa, mentres que a barra sur é areosa, polo que as embarcacións adoitan navegar pola parte sur.

A documentación histórica indica que a Illa INSUA comeza ser habitada de xeito estable a partir de 1392 cando o rei portugués Joao I autoriza e facilita a fundación dun convento franciscano... e aquí chega unha información curiosa: a orixe deses frades é galega. Se o pensamos é todo un símbolo do que significa a realidade arraiana. Ligado á fundación do convento e a súa vida cotiá hai varias lendas, coma por exemplo que haxa un pozo de auga doce -aínda existente- na illa, xa que depois de picar e picar na rocha e bastante sesión de rezo, os frades deron con ese pozo, algo indispensable para poder establecerse na illa. Outra lenda é a da lamprea 13; seica un pescador da zona prometera á Nosa Señora da Insua entregar aos frades 1 lamprea por cada 12 que pescara, é dicir, que a lamprea número 13 ía para o convento. Pero chegado o día o pescador pensouno mellor e decidiu non cumplira a promesa... mala idea, estivo os 13 días seguintes sen pescar nada mentres o resto de pescadores enchían as redes.

No 1580 a illa foi invadida polo exército de Felipe II, concretamente o 23 de xullo (segundo algunhas fontes falan de 300 soldados desembarcando na Insua). En agosto entramos nunha segunda fase, xa que a partir de entón comeza o periodo Felipino (Felipe II, Felipe III e Felipe IV eran monarcas do que poderiamos chamar a Unión Ibérica ou tamén as décadas nas que o Reino de Portugal formaba parte da coroa española).

Sería na chamada Guerra de Restauración cando Portugal recupera este territorio e fortifica a illa entre 1649 e 1652. Deste feito dan conta os 3 escudos e a inscrición do Forte da Insua, sendo o escudo central o da coroa portuguesa (Joao IV) e os outros 2 fan referencia a Diogo de Lima, vizconde de Vila Nova de Cerveira e responsable militar da provincia de Entre Douro e Minho naquela época. O texto indica as datas e coincide coa documentación de planos de construción atopados en arquivos. Outra cousa curiosa e que se mantén o convento dentro do forte, é dicir, hai unha convivencia militar-relixiosa dentro desta edificación do sistema de fortificacións abaluartadas miñotas.

Imaxe aérea de Wikimedia Commons

A Illa Insua é de novo protagonista en 1807 no contexto da Guerra de Independencia, xa que as tropas españolas entran de novo na illa para facerse con este espazo estratexicamente ubicado. Pouco durou, xa que acabaron capitulando ante as forzas napoleónicas un ano despois. Despois diso volve xa definitivamente ao Reino de Portugal e, coa expulsión das ordes relixiosas masculinas de 1834, o convento fica abandonado e pouco a pouco a presenza militar vai caendo (o último nomeamento de gobernador é 1909 e en 1940 a xestión pasa a ser independiente do exército).

Actualmente podemos desembarca na Illa Insua, e hai varias empresas de taxi barco que habitualmente en tempada de verán ofrecen este servizo (non hai horarios fixos e as empresas varían dunha tempada a outra, xa que a actividade principal destas embarcacións é o paso de peregrinos e peregrinas entre Caminha e A Guarda). Entrar na zona fortificada non está autorizado, salvo en visita guiadas. Houbo tamén un uso do espazo nos últimos anos como Escape Room en aberto. A día de hoxe hai un proxecto de rehabilitación da illa con fins turísticos, mais está paralizado na espera de recualificación dos terreos da illa para que a iniciativa teña un encaixe legal.

Fotografía do artigo do xornal Caminha2000

A Illa Insua ter outra peculiaridade: ás veces se transforma e deixa de ser unha illa. A última vez foi en 1947, no mes de setembro A Insua quedou unida á praia de Moledo, e mesmo hai imaxes dun automóbil da empresa hidroléctrica de Coura. Tamén no 2001 houbo uns días onde coa marea baixa era posible pasar a pé. Imaxes disto podemos atopalas nun interesante artigo do xornal CAMINHA2000

Share