Illas de Galicia - Illas Cíes

27.10.2026

As Illas Cíes son máis que unhas praias bonitas; son o lugar onde o océano Atlántico dialoga coa terra a través dun latexo salvaxe e antigo. Este arquipélago elévase sobre as augas da ría de Vigo coma un espazo esculpido polo vento, o salitre e o tempo, gardando nos seus cantís unha natureza abraiante e o eco de moitas historias que sorprenden a quen con calma visita ás súas illlas e fondo mariños.

Fotografía de Hugo Lage dende O Alto do Príncipe

As Illas Cíes son en realidade 3 illas e varios illotes, aínda que 2 das illas estean unidas por un dique e tamén por unha praia... case sempre, porque é habitual que tódolos anos haxa algúns días nos que o Atlántico divide o areal de Rodas. Hai varios xeitos de nomear as 3 illas, o máis simple é a do Norte, a do Sur e a do Medio. Pero á Illa Norte tamén recibe o nome de Illa de Monteagudo, un topónimo doado de entender cando observamos ás Cíes dende a zona dos areais sur de Vigo. A Illa Sur tamén é a Illa de San Martiño, xa que nos séculos XI e XII sabemos da existencia do Mosteiro de San Martiño nesa illa, aínda que a documentación máis sólida é de 1228 -na que todo semella indicar que o mosteiro xa levaba tempo en activo-. Polo mesmo motivo a Illa do Medio é tamén a de Santo Estevo.

O ser humano asentouse nas Illas Cíes hai uns 2600 anos, no Castro das Hortas (zona sur da Illa do Medio), e nestes últimos anos a Universidade de Vigo a través do GEEAT (Grupo de Estudos en Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio) hai campañas arqueolóxicas que demostran que aínda hai bastante por investigar nas diferente arquipélagos do Parque Nacional. Logo houbo un proceso de romanización e máis tarde a cousa comezou a complicarse bastante nas illas: viquingos, corsarios e piratas facían do litoral galego unha zona pouco apetecible para vivir, e no caso das Cíes a situación era aínda peor porque ofrecen un acubillo natural perfecto para quen chega por mar. O século XIX volveu traer habitantes ás illas grazas á salazón, mais cando esta actividade deixa de ser rentable tamén volve caer a poboación e a partir da década dos 60 hai unha migración cara a localidades próximas, sobre todo ao Morrazo.

Illa do Medio dende perspectiva do catamarán de JULIO VERNE NAÚTICA

Se imos visitar as Illas Cíes podemos escoller practicamente calquera época do ano e, en función diso, hai diferentes opcións. O que está sempre garantido é sendeirismo, xa que hai 4 rutas que parten todas do Punto de Información que está próximo ao peirao de Rodas. 2 rutas van cara ao norte e outras 2 cara o sur.

  • Ruta do Alto do Príncipe (3'5 km ida e volta). É unha ruta sinxela que ofrece estupendas panorámicas dende os seus 115 metros de altitude sobre o nivel do mar, nun lugar máxico para ver o solpor dende a "Cadeira da Raíña". Sen dúbida a ruta máis monárquica.
  • Ruta do Faro de Cíes (7 km ida e volta). É a ruta máis solicitada e condúcenos ata o Faro máis alto das Cíes (178 metros), e no último treito antes de chegar ao faro hai bastante desnivel e pouca sombra.
  • Ruta do Faro da Porta (5'2 km ida e volta). Comparte parte do trazado coa Ruta do Faro de Cíes ata chegar á zona da Area de Nosa Señora. O nome do Faro vén dado polo paso entre a Illa do Medio e a Sur, polo canal Freu da Porta. Nesa zona do faro estamos a menos de 500 metros do Castro das Hortas, pero non hai camiño habilitado para acceder ao castro.
  • Ruta de Monte Agudo (5'6 km ida e volta). Comparte parte do trazado coa Ruta do Alto do Príncipe e adoita ser a menos transitada, polo que para observar a natureza -e as aves en particular- é unha proposta moi interesante que ademais ten a particularidade de levarnos ata o punto máis próximo de terra firme, xa que a case 2'5 km temos Cabo Home.

Aves, réptiles e fauna e flora mariña ofrecen moitas alternativas de actividades en Cíes, sen esquecernos das estrelas, pois o Parque Nacional Marítimo Terrestre Illas Atlánticas de Galicia é un Destino Starlight e en concreto Cíes hai lugares como a Pedra da Campá ou o Alto do Príncipe que son lugares moi aconsellables para desfrutar das estrelas -agás en nadal, claro-.

En Cíes queremos facer unha mención especial aos fondos mariños... porque adoito esquecemos que o noso Parque Nacional é Marítimo-Terrestre, si, si, MARÍTIMO!!! De feito é moito máis marítimo ca terrestre (86% fronte a 14%). Hai varias empresas que fan actividades submariñas en Cíes e unha delas é 13 GRADOS, unha cooperativa galega sen fins de lucro dedicada á divulgación, educación ambiental e conservación da biodiversidade mariña en Galicia, que non só fan safaris submariños senón que organizan actividades coma exposicións, filmación en cámaras 360º para percorridos con lentes de realidade virtual ou elaboración de materiais didácticos coma guías de campo da biodiversidade mariña. E se non es moito de mollar o cú, atención que isto é para ti: DIRECTOS SUBMARIÑOS!!! Si, si, proxección en vivo e en directo grazas a inestimable colaboración de drons submariños (ROV's) que son un complemento fantástico aos lentes de realidade virtual.

Para observar os fondos mariños en Cíes a opción máis simple é levar unhas lentes de mergullo e tubo, xa que non se precisa ningún tipo de autorización específica e obviamente o que non se pode facer é pescar, mariscar, arrincar algas ou calquera outro tipo de acción que implique unha alteración do espazo e a súa fauna e flora. O mergullo con botellas e/ou chumbos precisa dunha autorización específica. O mellor lugar para a observación mariña depende das condicións do día, pero se as correntes non son fortes a zona próxima ao areal de Nosa Señora é das mellores cando imos só con lentes e tubo.

Para IR ÁS ILLLAS CÍES o procedemento varía en función da época do ano. En tempada alta (do 15 de maio ao 15 de setembro e Semana Santa) hai que facer primeiro unha solicitude de reserva na páxina web do Parque Nacional (que en realidade é unha pre-reserva) e nun prazo menor a 2 horas mercas o billete na navieira que escollas. Nese proceso de merca van solicitar o código de pre-reserva facilitado anteriormente na páxina web do Parque Nacional. Feito isto, recibes un correo electrónico coa autorización (que ten un código QR que hai que levar o día que visitas as illas). En tempada baixa é tan simple coma mercar o billete na navieira e xa a propia navieira se encarga da autorización, sumado a que en tempada baixa a navieira ten a OBRIGA de poñer á disposición de visitantes un/unha guía acreditada do Parque Nacional para facer unha ruta guiada -ollo, non significa que sexa unha ruta completa das sinalizadas, senón dun guiado no que se contextualice que é o Parque Nacional, as súas características e importancia como espazo natural protexido-.

Cíes: moito máis ca unha praia bonita. Repetirémolo cantas veces sexa necesario, en Galicia temos o privilexio de desfrutar das nosas illas en calquera época do ano e por sorte cada vez é máis doado atopar opcións de viaxar a Cíes en outono ou mesmo en inverno. As gaivotas patiamarelas, os corvos mariños, pode que ata unha centola ou un choco, bolboretas e eirugiñas, sargos, lagartos arnais, dunas con camariñas e herbas de namorar, cerquiños, fondos de maërl e algún que outro fodechincho forman parte das paisaxes de Cíes.

Share