Illas de Galicia - Illas do Baixo Miño I
No tramo final do río Miño, alí onde a corrente fluvial se atopa coas mareas do Atlántico entre as terras galegas de Tomiño, O Rosal e A Guarda e as portuguesas de Vila Nova de Cerveira e Caminha, emerxe un singular arquipélago fluvial. Lonxe de ser unha paisaxe estática, este conxunto de illas e bancos de area constitúe un ecosistema vivo que modelou durante séculos tanto a biodiversidade do estuario como a propia historia da raia galego-portuguesa.

Un mosaico de illas e morraceiras
Ao percorrer estes últimos quilómetros do río atopamos dúas realidades xeográficas ben diferenciadas:
As illas consolidadas: Terras altas con vexetación arbórea ou densas xunqueiras. Destaca a Illa da Boega (fronte a Goián e Cerveira), que coas súas 41 hectáreas é a maior de todo o tramo internacional; a próxima e romántica Ilha dos Amores; a Illa Cancela; e, xa preto da foz, a Illa Canosa (cuxo nome deriva da abundancia de canas) rodeada polos illotes de Pozas, Vimbres e Alagoa.
As morraceiras: Bancos de area, seixos e lodos acumulados pola dinámica das mareas e das riadas, como a Morraceira de João de Sá, a de Seixas ou a das Varandas.
O reparto de 1864 e os territorios «sen dono»
A soberanía destas illas quedou fixada hai máis dun século e medio, co Tratado de Límites de Lisboa de 1864 (e os seus anexos de 1866), ratificado posteriormente polos levantamentos topográficos da Comisión Mixta de 1898. O acordo estableceu a fronteira polo centro da canle principal navegable e repartiu nominalmente as illas existentes daquela: a Canosa (e os seus illotes satélites) e a Cancela quedaron baixo soberanía española, mentres que a Boega e a Ilha dos Amores quedaron do lado portugués.
Con todo, a natureza cambiante do estuario deixou unha curiosidade xurídica. Moitas das actuais morraceiras (como as de João de Sá ou Seixas) eran en 1864 simples baixíos mergullados que non foron adxudicados a ningún dos dous estados. Co paso das décadas gañaron altura e vexetación até converterse en illas permanentes, quedando nun limbo administrativo coñecido popularmente como «illas internacionais» ou de uso común transfronteirizo, é dicir, non pertencen realmente a ningún dos 2 Estados.
Máis alá dos tratados, estas illas gardan historias singulares vinculadas aos usos tradicionais da ribeira e por iso podemos atopar cabalos e burros en liberdade: Na Illa das Pozas (coñecida popularmente como a Illa dos Cabalos) e na Morraceira das Varandas (Illa dos Burros), os veciños do Rosal manteñen o costume ancestral de deixar gando en semiliberdade para aproveitar os pastos naturais, cruzando os animais dun illote a outro durante a baixamar.

Imaxe do artigo de "Nuevo Heraldo" do 18/08/1934 publicado en Páxinas da Guarda
Este espazo que pertence á Rede Natura 2000 curiosamente chegou a estabrecer un pequeno aeródromo na Canosa (tamén chamada A Xunqueira) e mesmo hai imaxes de ata 23 avionetas alienadas nesta illa en agosto de 1934. En grande medida este uso estivo ligado a Nemesio Álvarez Sánchez, capitán de artillería e claro expoñente de que as xentes da Guarda, con independencia de onde estean, fan o imposible por estar nas Festas do Monte... e se hai que transformar unha illa nun aeródromo, pois faise e non se fale máis!
Todo este complexo fluvial está actualmente protexido ao máximo nivel europeo dentro da Rede Natura 2000 (como Zona Especial de Conservación Baixo Miño en Galicia e Estuário do Rio Minho en Portugal). A súa inclusión responde ao seu extraordinario valor ecolóxico como corredor migratorio e refuxio de avifauna: as súas xunqueiras, canaveirais e bancos intermareais serven de área de alimentación, descanso e cría para decenas de especies de aves acuáticas e limícolas (como garzas, píllaras ou patos).
Ademais, estas augas e baixíos albergan hábitats prioritarios de estuario e son fundamentais para o ciclo vital de peixes migradores emblemáticos do Miño, como a lamprea, o salmón, o sábalo ou a anguía, o que fai indispensable limitar o desembarco recreativo e regular a navegación para evitar a erosión e preservar o equilibrio deste enclave único entre Galicia e Portugal.
Como dato que seguramente sorprende, legalmente non se pode desembarcar nestas illas e morraceiras, mais a realidade é que as dificultades para o control -especialemente nos meses de verán onde hai moitas embarcacións- levan a unha certa permisividade á hora de sancionar. Algo semellante acontece coas velocidades que alcanzan algunhas embarcacións en zonas moi próximas a estas illas, que con excesiva frecuencia rebasan os límites autorizados.
Unha illa privada á venda: Mentres que a práctica totalidade das illas do estuario son dominio público inalienable, a Illa da Boega é propiedade privada. Tras pertencer durante xeracións á familia portuguesa Fonseca —que a explotaba para cultivar millo e criar gando vacún— e pasar por varios grupos investidores, permanece sen construcións e chegou a saír ao mercado inmobiliario por seis millóns de euros en 2026.