Illas de Galicia - Illas Estelas
O arquipélago das Illas Estelas está situado no concello de Nigrán, moi próximo a Monteferro (menos de 1'5 km) e baixo as súas augas bravas escóndese un equilibrio perfecto entre unha biodiversidade mariña protexida a nivel europeo e as historias dramáticas de naufraxios.
As Illas Estelas e a súa contorna mariña están catalogadas como Zona Especial de Conservación (ZEC) dende 2014 e abarcan unhas 725 hectáreas integradas na Rede Natura 2000. Os Motivos da súa Protección Ambiental son:
Arrecifes e bancos de cría: Os fondos rochosos que rodean as Estelas forman un complexo entramado submarino ideal para o refuxio, posta e cría de especies comerciais clave (como o polbo, o conxrio, a nécora, a centola e o lumbrigante).
Flora mariña singular: As augas albergan densos bosques de algas laminarias e comunidades de anémonas que actúan como pulmóns e provedores de nutrintes para o ecosistema.
Santuario para as aves: As illas, ao estar deshabitadas e carecer de praias transitables ou presenza humana constante, serven de acubillo e zona de nidificación para aves mariñas protexidas ou ameazadas, tales como a pardela balear, os paíños e as poboacións locais de corvo mariño cristado.

Imaxe das Estelas dende Monteferro (Wikipedia)
Isto tradúcese en que está totalmente prohibido desembarcar nas Estelas. O fondeo si está permitido pero con autorización, e o mergullo tamén require de autorización pero hai algunhas empresas da zona de Nigrán e de Vigo que organizan este tipo de actividades, que en moitos casos están ligadas a visitar pecios de naufraxios.
A xeografía submarina das Estelas, infestada de "baixos" e rochas afiadas ocultas pola marea (especialmente na zona das Serralleiras), converteunas historicamente nunha trampa mortal en días de temporal. Un dos naufraxios máis célebre e documentado da historia recente da contorna é o do cargueiro Ivy. Na noite do 30 de xaneiro de 1976 o Ivy naufragou nas Estelas. Este carqueiro viña de Vitória (Brasil) co metal extraído na rexión de Minas Gerais e dirixíase cara ao porto de Rostock (Alemaña) para abastecer a potente industria siderúrxica europea da época. Transportaba unha colosal carga de 30.000 toneladas de mineral de ferro. Atravesando o Atlántico, o xigante de máis de 200 metros de eslora sufriu unha severa avaría nunha das súas bodegas, así que na procura de refuxio pretenden entrar na ría de Vigo para reparar os danos, mais un brutal temporal na que a combinación de nula visibilidade e a forza do mar fixeron que encallase entre As Cíes e as Serralleiras. 4 tripulantes perderon a vida.
30.000 toneladas de ferro é moito ferro... de feito o valor estimado de mercado é duns 2'5 millóns de euro e por iso houbo algún intento de recuperar ese mineral. Pero co paso de cinco décadas, o aceiro e o ferro do Ivy integráronse de tal forma na paisaxe submarina que hoxe en día funciona como un arrecife artificial cuberto de vida mariña. Retirar ese metal hoxe implicaría destruír irremediablemente o santuario biolóxico protexido que floreceu ao seu redor e por iso a comunidade científica, o Concello de Nigrán, os grupos ecoloxistas e a Confraría de Pescadores de Baiona opóñense firmemente.
Outro naufraxio impactante foi o do vapor noruegués Aslaug da primeira metade do século XX. O buque partira de portos do norte de Europa e dirixíase cara a Vigo e outros portos do sur para distribuír mercadoría: 10.000 fardos... de bacallau. O 11 de decembro de 1929, no medio dun forte temporal o vapor acabou batendo violentamente contra os perigosos baixos das Serralleiras. A brutalidade do mar esnaquizou o casco de inmediato, e a totalidade da súa tripulación, formada por 20 mariñeiros, perdeu a vida nas augas. Curiosamente no cemiterio de Baiona atópase unha homenaxe moi singular dedicada aos náufragos do Aslaug: unha tumba cunha roda de timón, unha cadea e seis lemes de aceiro onde descansan os corpos recuperados do mar.
Máis recente foi o afundimento do Achondo, tamén coñecido ás veces coma o Blocus. Era o inverno de 1986 cando este pesqueiro de orixe vasca estaba preto da entrada da ría de Vigo e por un erro de navegación encallou nos baixos coñecidos como "A Negra", onde se atopa a uns 38 metros de profundidade. Do mesmo xeito que o Ivy, a súa estrutura de aceiro foi completamente colonizada pola flora e fauna mariña. Por sorte neste caso non houbo que lamentar mortes e actualmente o Achondo é considerado polos expertos como un dos pecios máis impresionantes, íntegros e fermosos para o mergullo deportivo en Galicia.
Da importancia do coñecemento dos fondos mariños, a talasonimia e os naufraxios cómpre salientar unha iniciativa do IEM (Instituto de Estudos Miñoráns): a Xeira Náutica polo Mar de Baiona e Panxón. Trátase dunha actividade de navegación con guiado a bordo da man de Xosé Lois Vilar Pedreira que adoita organizarse nos meses de verán e é unha magnífica oportunidade para descubrir a historia, a paisaxe e o patrimonio mariñeiro.
