NADAL EN FAMILIA 2019

15.12.2019

Chega o nadal e as actividades para facer en familia multiplícanse, sobre todo aquelas destinadas á cativada. Velaí unha escolma dentro da zona sur da provincia de Pontevedra e o Norte de Portugal.

Actuación no Parque Perlim (fotografía do web www.perlim.pt)

O Parque Perlim é un parque temático centrado no nadal que está organizado polo concello portugués de Santa Maria da Feira, a uns 150 km de Tui (uns 30 km ao sur de Porto). Está algo lonxe da raia pero a verdade é que oferta algo que en Galicia non existe, e un prezo bastante razoable (6 €/entrada menores de 13 anos e maiores de 64, e 7 €/entrada persoas de entre 13 e 64 anos). No parque hai diferentes actividades: tirolina, espectáculos escénicos, visita a Papá Noel, Tobogán con trineos ou espectáculo de luces e fogos artificiais. Unha cousa moi positica é no caso das tirolinas hai varias funcións en función das idades, algo moi de agradecer porque ás veces os/as máis pequechos/as non poden ir en tirolinas moi grandes e no Parque de Perlim ofertan unha solución inxeniosa a partir de 1,40 cm de altura.

Parque Perlim (fotografía do web www.perlim.pt)

Tódalas actividades están incluidas no prezo da entrada, agás un trenciño e un tiovivo. Como hai bastantes cousa para facer e percorrer o parque dun extremo a outro ben pode levar 15-20 minutos, convén organizarse un pouquiño co programa que che entregan na entrada. Ollo! Hai varias entradas, así que se por un casual chegas a unha e ves que hai moita cola, paga a pena botar unha ollada a outras entradas porque pode ser que haxa moita menos xente agardando.

Tocante aos horarios, en xeral abren tódolos días agás martes e mércores ata o 5 de xaneiro, de 14:30 a 20:00h -hora galega-. Iso si, como é un parque ao aire libre e estamos en inverno, convén botar unha ollada ao web, xa que se hai previsión de moita choiva ou directamente unha alerta, pois cancelan a apertura cun día de antelación -iso si, ofrecen trocar a entrada para outro día-. Pódese mercar a entrada con antelación, e mesmo ofrecen unha alternativa de billete para todo o nadal, que compensa se vas 2 días. Hai zonas de aparcadoiro preto do parque, unha delas custa 2 euros por todo o día -con vixiancia ata as 20:30h-.

Por certo, por se sobra tempo, no concello de Santa Maria da Feira pode visitarse o Castro de Romariz.

Imaxe da páxina web da Fundación Traslatio

Outra actividade curiosa, desta volta en Vigo os días 22 e 23 de decembro, é subir a bordo do barco Sedov, un buque escola ruso impresionante polo seu tamaño e fermosura. As visitas son de balde, o domingo de 16:00 a 19:00h e o luns de 11:00 a 14:00h. Para máis información pódese consultar o web da Fundación Traslatio.

Imaxe do perfil Facebook do Hotel Cemar (Mondariz Balneario)

Se gostades das construcións con LEGO, no Hotel Cemar de Mondariz Balnearo hai ata o 18 de xaneiro unha exposición que conta tamén con zona de xogo. Está aberta de 12:00-14:00h e de 16:00-20:00h, agás o 25 de decembro e o 1 e 6 de xaneiro. Prezo de entrada: 3 €/adultos e 2€/nen@s.

Fotografía do xogo Aracatanga de Brazolinda

Para rematar, unha proposta da man de Brazolinda, un proxecto de deseño e fabricación de xogos de mesa en galego, que na tarde do xoves 26 estarán na Guarda para unha divertida sesión de xogos en familia. É unha moi opción por se queredes facerlle un encarguiño aos Reis Magos de xogos feitos en Galicia e en galego, xa que se poden probar os xogos de balde na carpa do Concello.