RUTA DA CAMELIA
Da colaboración entre Turismo de Galicia e a Sociedade Española da Camelia naceu hai varios anos a Ruta da Camelia en Galicia, un produto turístico que combina a visita a xardíns e inmobles públicos e privados nun percorrido por diferentes localidades das provincias de A Coruña e Pontevedra.
Por
que a camelia? Pois porque a camelia é moitas veces identificada
como a flor de Galicia, e a pesar de non sere unha especie autóctona,
o seu cultivo na nosa terra comeza na segunda metade do século XIX e
unhas decadas despois exténdese por case tódolos xardíns porque
alén da variedade de flores que nos ofrecen a inmensa cantidade de
especies, ofrécenos algo sumamento valioso como é o toque de cor
nos meses máis grises do ano. É normal non reparar no cotiá mais
qué fermoso é que no camiño do día a día, en pleno xaneiro,
probablemente con algo de choiva e un ceo encapotado, de súpeto
vemos un camelio coas súas coridas flores no medio e medio da rúa.
Como escribiu Lorca na súa estancia en Santiago, nun dos seus poemas
en galego:
"Chora
en Santiago
meu doce amor.
Camelia branca do ar,
brila entebrecida ó sol".
A camelia vén de Oriente, coma os Reis Magos, si. Debe o seu nome a Georg Joseph Kamel, un xesuíta que adicou parte do seu tempo á investigación da fauna e flora das Filipinas, motivo polo cal Linneo catalogou o xénero Camellia no 1735. Certo é que Linneo diferenciou entre o xénero Camellia e o Thea, ambos na familia das Theaceae. Actualmente considéranse que se trata dun único xénero, asunto non menor porque estamos a falar dun dos xéneros máis cultivados do mundo, en concreto a Camellia sinensis, que dito así soa algo raro pero en realidade é do máis común, xa que é a especie coa que se fai o té.
Non está claro como chega a camelia a Galicia, pero ben puido ser entrase por Tui dende Valença, xa que entre as hipóteses o máis probable é que entrase vía Portugal, dado que temos constancia de exemplares de camelia en Portugal anteriores aos de Galicia, e dentro dos exemplares que temos aquí, os máis antigos están documentados que foron traídos de viveiros coma o do Marqués (de) Loureiro de Portugal. Tocante a este tema hai que mencionar ao Tío Iván do Pazo de Santa Cruz de Ribadulla, quen no s.XIX adquiriu e cultivou moitísimas especies de camelias, e documentou perfectamente de onde proviñan as especies que mercaba, sentando as bases de Viveiros Ortigueira, un pequeno viveiro do Concello de Vedra, que produce e cultiva un bo feixe de especies de camelias para Galicia, resto de España e outros países. O Pazo de Santa Cruz de Ribadulla ou de Ortigueira é un dos xardíns que podemos visitar na Ruta da Camelia de Galicia, e nos meses de febreiro e marzo é cando máis podemos desfrutar das camelias, en especial do Carreiro das Noivas, un recunchiño do xardín no que en hai ata 18 especies de camelias unha tras outra. A visita aos xardíns conta con audioguías con qr que permite seguer un percorrido ao tempo que coñecemos a historia do lugar e identificamos as especies. Cómpre indiciar que o Pazo é Ben de Interese Cultural, polo que habitualmente hai un día á semana no que pola mañá a entrada no xardín é de balde (os luns). Para complementar a visita, a poucos quilómetros do Pazo de Santa Cruz de Ribadulla está o Pazo de Oca, no veciño concello de A Estrada, cun tipo de xardín moi distintos, que segue o modelo francés.
Outro punto emblemático nesta Ruta da Camelia é o Castelo de Soutomaior, de titularidade pública (Deputación de Pontevedra), que destaca pola súa declaración de "Xardín de Excelencia Internacional" no 2012, un título que outorga a Sociedade Internacional da Camelia. A entrada nos xardíns do Castelo de Soutomaior e de balde, e no punto de información podemos solicitar un mapa do mesmo, onde aparecen perfectamente sinalizadas as especies máis salientables. A maiores moitas árbores e prantas teñen tamén carteliños que nos permiten identificalos, e mesmo temos a opción de concertar unha visita guiada polos xardín e polo interior do castelo, o prezo varía en función no tamaño do grupo.
Alén
destes, hai outros espazos públicos que se poden visitar como os
xardíns do Pazo Quiñones de León (Vigo), os xardíns do Pazo de
Lourizán (estrada PO-546 entre Pontevedra e Marín) ou a Alameda de
Santiago. Dentro dos xardín privados, tamén visitables pero pagando
entradas que van dende os 3 aos 12 euros, temos o Pazo Quinteiro da
Cruz (Ribadumia), o Pazo da Saleta (Meis) ou o Pazo de Rubiáns
(Vilagarcía). Varios destes pazos ofrecen actividades
complementarias do máis variado, dende cata de viños ata cerimonias
do té e aromaterapia, e mesmo nalgún caso contán con tendas con
venda de produtos de elaboración propia (té, aceites de camelia,
viño, xabóns de camelia). Se queredes propostas de rutas nas que se combina a visita a estes lugares da Ruta da Camelia e tamén outro tipo de patrimonio cultural e natural, hai ideas inspiradoras no web de Turismo de Galicia.
Para rematar, gostariamos mencionar 2 iniciativas de administración públicas que pretenden pór en valor o mundo da camelia, como é o caso da unidade didáctica da camelia da Deputación de Pontevedra e a Estación Fitopatolóxica de Areeiro, e o programa educativo Ulla Elemental promovido polo Concello de Vedra, iniciativa pioneira en Galicia á hora de propor actividades sobre a camelia en centros educativos.