SMARTPEME TURISTIC

20.02.2020

Se tes unha pequena ou mediana empresa (PEME), es autónomo/a ou estás comezando cun proxecto empresarial na provincia de Pontevedra, SmartPeme é un recurso que deberías coñecer!

Unha rede de oficinas situadas nas diferentes comarcas da provincia de Pontevedra, atendidas por persoas asesoras especialistas, onde se presta un servizo de información e asesoramento gratuíto, presencial e personalizado sobre as TIC (Tecnoloxías da Información e Comunicación), as Novas Tecnoloxías e a mellora da competitividade empresarial.

A rede está estruturada en 5 áreas e cubre todo o territorio da provincia. O habitual é que te inscribas na oficina máis próxima pero podes participar en formacións en calquera das áreas, e mesmo hai algúns eventos nos que podes entrar en contacto con outros proxectos de empresas usuarias de SmartPeme.

Hai diferentes servizos dentro de SmartPeme e hoxe queremos falar un pouquiño de SmartPeme TurisTIC, xa que Buguina céntrase no campo do Turismo Cultural, a Educación e a Interpretación do Patrimonio. SmartPeme TurisTIC é un servizo de información e asesoramento tecnolóxico específico para as empresas, persoas emprendedoras e autónomas do sector turístico, dada a relevancia do mesmo na provincia

A formación e o asesoramento individualizado é unha das virtudes desta rede. Cada semana adoita haber varias formacións relacionadas coas TIC, e no web de SmartPeme podes consultar o calendario actualizado das mesmas. En Buguina temos participado en varias e a nosa opinión é que sempre sacas proveito destas sesións formativas, así que aconsellamos que lle saquedes proveito a este recurso.