Illas de Galicia - Illas Sisargas
As Illas Sisargas localízanse no concello de Malpica de Bergantiños e para chegar a este arquipélago o máis sinxelo é partir do propio porto de Malpica pero tamén temos unha segunda opción un pouco máis lonxe: Caión. Non hai viaxes regulares ás Sisargas, así que hai que organizarse se queremos visitar estas illas e, dato importante, son unha propiedade privada. Durante a Idade Media o Condado de Altamira faise co dominio das Sisargas e a propiedade chega ata hoxe aos seus herdeiros.

Imaxe de Ramón Piñeiro con licencia Creative Commons
No arquipélago das Sisargas hai varias illas e illotes. A maior das illas á a coñecida coma Sisarga Grande, a de menor superficie é a Sisarga Chica e no medio está a Malante. A Sisarga Grande é a que ten o faro, ten forma alongada e mide uns 600 x 400 metros. En principio o camiño entre o pequeno peirao e o faro é o único que podemos percorrer. A Sisarga Chica é máis redondiña e o diámetro ten uns 15 metros. A Malante está entre unha e outra, e tocante a dimensións e algo maior ca Sisarga Chica. As tres illas están moi preto unhas das outras e de feito coa marea baixa case poderiamos saltar entre unha illa e outra. Os acantilados da Sisarga Grande son moi chamativos, pois contan con algo máis de 100 metros de altura.
Dende a automatización do faro (2000) xa non vive ningunha persoa nas Sisargas, o que sen dúbida aleda a moitas das aves que aniñan neste arquipélago. Algunhas das especies de aves que podemos atopar criando neste espazo son gaivotas (a gaivota escura, a patiamarela e a tridáctila), o corvo mariño cristado e o arao. As Illas Sisargas están dentro da Rede Natura 2000 e están declaradas zona ZEPA (Zona de Especial Protección para as Aves).

Mal`pica. Imaxe de Ramón Piñeiro con licencia Creative Commons
Se non somos moito de embarcar, podemos desfrutar dunha estupenda vista das Sisargas dende o Cabo de Santo Hadrián, que recibe este nome pola ermida de Santo Hadrián. Está documentada esta ermida dende o século XVI e conta a lenda que nun tempo no que as terras de Bergantiños estaban cheas de serpes, andaba o bo de Santo Hadrián por alí peregrinando, así que as xentes da zona aproveitaron para pedirlle que mediase no asunto porque xa estaban un pelín saturados con tanta serpe. Hadrián decidiu que algo había que facer e vaia se o fixo: pisou unha desas serpes e deixouna petrificada!!! Evidentemente o resto de serpes asustáronse e fuxiron cara as Sisargas. Por iso cando a marea está baixa pode observarse nunha rocha as pegadas de Santo Hadrián e tamén as marcas da serpe no veciño areal de Seaia. Disque preto da ermida hai unha fonte de auga moi miragreira e sumamente efectiva para curar as verrugas.

Se queres ir ás Sisargas nunha viaxe organizada, a empresa VOLTA MONTANA ten feito nos últimos anos varias saídas e antes ou despois haberá unha nova proposta de data ;)
QUERES DESCUBRIR OUTRAS ILLAS DE GALICIA?


