Illas de Galicia - Illas Lobeiras
As Illas Lobeiras son en realidade 2 pequenos arquipélagos que se atopan na Costa da Morte, na Ría de Corcubión. Na Lobeira Grande destaca un faro construído en 1906, que coma moitos outros faros está automatizado e polo tanto non hai fareir@ vivindo aí dende hai moitísimos anos.

A distancia entre a Lobeira Grande e a Chica é de algo máis de 2 km e ambos arquipélagos teñen pouca altura, o que dificulta a súa visibilidade en días de brétema. Isto fixo destes arquipélagos unha zona perigosa con varios naufraxios ao longo da historia, coma o do Skuld (1901) ou o do Polymia (1904). Se queremos unha referenza xeográfica, trazando unha liña imaxinaria entre a praia de Carnota e Fisterra, a 1'5 km de Carnota atopariamos o arquipélago da Lobeira Chica e un pouco máis ao lonxe e ao norte, o da Lobeira Grande.
Non existe transporte regular en barco ás Lobeiras, así que se queremos chegar e non dispomos de embarcación propia, a opción é contratar un taxibarco se queremos ir ata o faro, ou facer algunha singradura pola zona con empresas como Cruceros Fisterra. Un dos taxibarcos que operan na zona é o de David Trillo, tamén coñecido coma "Robinson da Lobeira", que nos leva sempre e cando o seu traballo coma mariño mercante llo permita. O mellor xeito de contactar é por whatsapp ;)
Fotografía de David Trillo de Navieira Jalisia co Faro da Lobeira ao fondo.
Unha iniciativa ben curiosa ligada a este espazo é a de "Cantiga de Leviatán", onde Xosé Iglesias (mariñeiro da zona) fixo unha serie de vídeos na Illa Lobeira (que é onde está o faro) con persoas de eidos moi diferentes (Anxo Angueira, Xurxo Souto, Fernando Patricio e un extensísimo etcétera).
As Lobeiras teñen un arrecendo a misterio que xera unha atracción especial, distinta. Ata a orixe do seu nome está chea de incertezas, habendo 2 versións maioritarias: a que fala de que no pasado había lobos mariños habitando estes arquipélagos e a de que son unha illas baixiñas que semellan estar agochadas agardando coma un lobo para saltar e sorprender aos barcos. Quedámonos coa segunda, porque sen dúbida que en días de bretema as Lobeiras deron máis dun susto!
QUERES DESCUBRIR OUTRAS DE ILLAS DE GALICIA?


