Illas de Galicia - Cortegada
O Arquipélago de Cortegada forma parte do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia e atópase en Carril, na Ría de Arousa. Actualmente está desahabitado pero as ruínas da antiga aldea son indicativas de que non moito tempo era un espazo de vida para veciñas e veciños de Carril.

Imaxe da páxina web do Parque Nacional MT Illas Atlánticas de Galicia
Cando visitamos Cortegada un dos principais atractivos é o bosque de loureiros, unha formación botánica única en Europa que acolle exemplares de máis de 12 metros de altura. Outra das xoias é a súa riqueza micolóxica, algo non tan coñecido: Sabías que hai máis de 800 especies de fungos neste arquipélago? E se dicimos que grupos de investigación da Universidade de Santiago identificaron 4 novas especies nos últimos anos? Pois si, é así! Ramariopsis coronata, Physalacria auricularioidese, Calycina cortegadensis e Mollisia cortegadensis.
Coma en tódolos arquipélagos do Parque Nacional Marítimo Terrestre Illas Atlánticas de Galicia, Cortegada ten illas que se poden visitar e outras que non. En condicións normais o acceso á Illa de Cortegada (á de maior tamaño do arquipélago) é con embarcación, pero se as mareas son vivas é relativamente doado facelo a pé polo chamado Camiño do Carro. Iso si, compre lembrar que hai un límite de persoas que poden visitar a illa que varía entre 150 e 250 persoas, e que a visita debe realizarse con guía acreditado do Parque.
Probablemente un dos xeitos máis curiosos de visitar o arquipélago en facelo en caiac, xa que nos permite perspectiva completamente distintas. Hai empresas que organizan a ruta guiada no caiac e tamén a opción de alugar o caiac (individual ou dobre). Podedes ampliar información ao respecto en CORTICATA.
Outro xeito de achegarse este espazo é da man de O Faiado da Memoria, unha iniciativa de arquivo dixital que alén de permitirnos acceder a un feixe de fotografías antigas de Cortegada, de cando en vez organiza eventos moi interesantes coma o que teñen programado o domingo 12 de xullo para visitas a illa e un concerto na recentemente recuperada capela da illa de Cortegada.

A historia deste arquipélago tamén dá para moito pero sen dúbida un dos momentos que marcou un punto inflexión foi cando en 1907 as autoridades locais de Vilagarcía de Arousa (concello ao que actualmente pertence Carril e, polo tanto, o arquipélago de Cortegada) tiveron a idea de agasallar ao rei Afonso XIII con esta illa para que estabrecera alí a súa residencia de verán. Podedes imaxinar que ás persoas que habitaban a illa daquela non estaban moi dacordo coa iniciativa, mais finalmente entre compraventas, expropiacións e desaloxos a illa pasa formar parte do patrimonio do monarca en 1910. O resultado final: nin habitantes nin rei, xa que o lugar escollido para esa residencia de verán foi o Palacio da Magdalena en Santander.
Na Segunda República o Estado confiscou a propiedade pero despois da Guerra Civil foi devolta aos Borbóns e en 1978 vendérona para edificar un complexo turístico, algo tipo A Toxa. Por sorte isto paralizouse e no 2002 entra a formar parte do Parque Nacional, pasando en 2007 a ser propiedade pública (Xunta de Galicia).
Nos últimos anos o tipo de actividades que se poden realizar no arquipélago de Cortegada son do máis variado: observación de fungos, identificacións de bolboretas, baños de bosque, rutas en caiac, visitas guiadas ou concertos van da man doutras iniciativas ben chamativas coma a restauración de habitat empregando cabalos para transportar os troncos.
