Illas de Galicia - Areoso

09.06.2026

Moi preto da Illa de Arousa temos o Guidoiro Areoso, o maior dos illotes que conforman un arquipélago xunto a Rúa, Guidoiro Pedregoso e outros illotes. Trátase dun espazo protexido dentro da Rede Natura 2000 e tamén é Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA).

Fotografía de Piragüilla do web https://www.isloteareoso.com/

Para visitar o Guidoiro Areoso cómpre autorización que só se pode solicitar cun máximo de 15 de antelación. O procedemento está regulado pola Xunta de Galicia e trátase dun trámite moi sinxelo que non ten custe económico e aporta certas garantías de preservar o espazo tanto a nivel de patrimonio natural coma cultural.

Unha das características máis salientables deste illote son os túmulos funerarios. Lembremos que o illote conta con apenas 600 metros, pero en tanto pouco espazo contamos con 5 enterramentos megalíticos. Aconsellamos ver o vídeo que poñemos a continuación de Manuel Gago: Unha Viaxe á Illa dos Mortos (2012).

Lamentablemente a acción das mareas e os efectos do nivel debidos ao cambio climático non xogan a favor deste patrimonio, así en 2013 a coñecida coma "Mámoa 5" foi arramplada. Se queremos ter unha perspectiva dende a arqueoloxía, a páxina GUIDOIRO DIXITAL é un fantástico punto de partida. No 2025 a Fundación Luis Monteagudo realizou unha intervención arqueolóxica na "Mámoa 3" nunha misión case de rescate, xa que este enterramento tamén está moi exposto á acción do mar.

Hai varios xeitos de achegarse a Areoso, coma os Taxi-Barcos que operan fundamentalmente dende A Illa de Arousa. Tanto AMARE TURISMO NAÚTICO coma RUTAS JUAN ALLO ofrecen a posibilidade de facer esta ruta marítima que se pode complementar con Rúa o Guidoiro Pedregoso.

Fotografía da actividade de caiac en Areoso de Piragüilla

A segunda opción, con propulsión a brazo, é facer unha ruta en caiac dende A Illa de Arousa, que dista 1'4 km e polo tanto é unha distancia asumible sempre e cando as condicións axuden. Nestes casos sempre é conveniente deixarse aconsellar polas empresas locais que coñecen ben as correntes e como poden influír as condicións meteorolóxicas na navegación. PIRAGÜILLA leva dende 2005 realizando actividade de turismo activo na Illa de Arousa e é unha das empresas locais coas que podedes contactar para solicitar máis información.

QUERES DESCUBRIR OUTRAS DE ILLAS DE GALICIA?

  • ILLA PANCHA (RIBADEO)
  • ILLA DE SANTO ANTÓN (A CORUÑA)
  • ILLAS SISARGAS (MALPICA DE BERGANTIÑOS)
  • ILLAS LOBEIRAS (RÍA DE CORCUBIÓN)
  • ILLA DE CORTEGADA  (CARRIL)

  • Share