Illas de Galicia - Sálvora
Ubicada na boca da Ría de Arousa SÁLVORA é a maior da illas deste Arquipélago que forma parte do Parque Nacional Marítimo Terrestre Illas Atlánticas de Galicia sendo O Grove o principal punto de partida dos barcos que nos permiten visitar este espazo protexido no Concello de Ribeira.

Nesta illa só hai 2 rutas polas que se pode circular: a da Aldea e a do Faro, coa particularidade de que só a ruta do Faro é susceptible de facerse por conta propia. Isto quere dicir que se queremos coñecer realmente a illa de Sálvora temos que facelo con guía acreditado e hai que ter unha autorización, sexa para desembarcar, sexa para fondeo.
Hai varias navieiras que ofrecen viaxe regular e diaria en tempada de verán dende O Grove a SÁLVORA, pero tamén podemos atopar barcos dende Vigo, Aguiño ou Pobra de Caramiñal. No caso de Vigo cómpre dicir que a travesía implica cambiar de ría, polo que non é unha navegación apta para todo o mundo. Tamén varía moito o tipo de embarcación en función da navieira escollida, xa que hai catamaráns con capacidade para máis de 200 persoas e tamén hai lanchas foraborda con capacidade para 14 persoas.

Fotografía de Andrés Rodríguez (vista dende Sálvora)
Sen dúbida que un acontecemento moi salientable en SÁLVORA foi o naufraxio do Santa Isabel en 1921, a maior traxedia marítima civil en Galicia no século XX. Máis de 210 persoas perderon a vida aquela triste noite, e só unha poucas ducias chegaron con vida á costa, a maioría grazas á intervención das xentes de Sálvora entre as que xogaron un papel importante as chamadas Heroínas de Sálvora. Dende Buguina Turismo Cultural en colaboración con Brazolinda editamos o xogo SÁLVORA a finais de 2023 e actualmente está xa no mercado a segunda edición dun xogo colaborativo na que o obxectivo é salvar o maior número de persoas poñéndonos na pel das Heroínas de Sálvora.

A cota máxima de visitantes é de 250 diarios, sempre con guía acompañante nunha ratio máxima de 1 guía/25 persoas. Isto é unha diferencia grande con respecto ao arquipélagos de Cíes e Ons do Parque Nacional, xunto ao feito de que non se pode facer noite na illa nin hai servizos de restauración. A parte positiva disto é que o bicherío que habita e frecuenta a illa non ten que aturarnos aos humanos e polo tanto están máis ao seu aire. A parte negativa é que o tempo en terra na adoita ser escaso -en grande medida porque hai que buscar un termo medio entre poder visitar a illa a fondo e a rendibilidade económica das viaxes de cara as navieiras-. Por iso unha das mellores opcións para visita Sálvora é facelo dentro das actividades que organiza o propio Parque Nacional tódolos anos, xa que adoita haber máis tempo na illa e, se é posible, mellor facelo fóra da época de cría das gaivotas porque así poderemos acceder ao Alto do Mirleu (que ofrece unha perspectiva completamente diferente do arquipélago). Para saber cando se organizan estas rutas guiadas podemos consultar a páxina web do Organismo Autónomo de Parques Nacionais ou ben solicitar que nos envíen por correo electrónico as novidades dende a o Parque Nacional Marítimo Terrestre Illas Atlánticas de Galicia.

Nos meses de verán unha actividade moi aconsellable en Sálvora é a de OBSERVACIÓN DE ESTRELAS, e para iso nada mellor que contactar coa empresa Alecrín Actividades e Aventuras da que forma parte Ana Vázquez.


