Illas de Galicia - Ons

07.10.2026

A Illa de Ons está ubicada na boca da Ría de Pontevedra e forma parte do Parque Nacional Marítimo-Terrestre Illas Atlánticas de Galicia.

Ons é a illa de maior tamaño do Arquipélago de Ons e a día de hoxe segue estando habitada e é a illa do Parque Nacional con máis vivendas (están contabilizadas 79 vivendas habitadas, sendo o seu uso principal na tempada de verán). Cómpre lembrar que esas vivendas están en réxime de concesión de 75 anos, o que xerou certos conflitos entre as persoas titulares da concesión e a Xunta de Galicia.

Para chegar a Ons hai bastantes opcións de liña regular e nos últimos anos adoita haber maior número de datas fóra da tempada de verán. Os portos de Bueu, Portonovo e Sanxenxo son os máis empregados para viaxar a Ons, pero tamén temos opcións de Vigo e outros portos. As principais vantaxes de escoller datas que son de tempada baixa é que temos dereito a unha ruta guiada (incluída xa no prezo da viaxe) e que o cupo de visitantes é notablemente menor ca en tempada alta, polo que a experiencia na illa é moi diferente ao que podemos ter no verán. 

Descargar mapa coas rutas e información do Parque Nacional

Hai 4 rutas sinalizadas:

  • Ruta do Faro (4 km, circular)
  • Ruta Sur (6,2 km, circular)
  • Ruta Norte (8,1 km, circular)
  • Ruta do Castelo (1,1 km, circular)

A máis empregada nas rutas guiadas adoita ser a Ruta do Faro, xa que combina paisaxes, zona de vivendas, lavadoiros e vistas panorámicas, todo en 4 km. A Ruta Sur ten un atractivo moi particular: O Buraco do Inferno, unha sima ou fenda vertical de 40 metros de profundidade que segundo conta a lenda nos días de temporal poden escoitarse berros e lamentos de almas a piques de entrar no inferno. Tamén se di que a Santa Compaña cando pasa pola illa remata aí o seu percorrido. É certo que o percorrido é algo máis longo e normalmente algo menos transitado, así que é unha opción perfecta para desfrutar dunha andaina tranquila -con permiso da Santa Compaña, claro!-

Nos últimos anos estase traballando na Ruta do Múrices, que combina partes da Ruta Sur e da Norte e ten como eixo vertebrador a arqueoloxía (salazón romana do Canexol, Castro de Castelo dos Mouros e a produción de púrpura a partir dos múrices, que son uns moluscos mariños dos que se extraía a cor púrpura na antigüidade). Actualmente estamos nun proceso de intervención a nivel arqueolóxico moi interesante en Ons, xa que a través do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo está habendo varias campañas que nos permiten coñecer e comprender mellor o tipo de asentamentos que hai na época castrexa e como influíu a chegada do mundo romano no litoral galego.

A nivel de flora temos que salientar a existencia dunha especie endémica que está en perigo de extinción, a xesta de Ons (Cytisus insularis).

Fotografía dun mascato de Melissa McMasters

Tocante a fauna, pois podemos que polas súas características Ons é un espazo privilexiado para a observación de aves migrantes, xa que é unha zona menos exposta a acción humana en comparación con outras zonas costeiras e porque os cupos reducidos en tempada baixa garanten ter tranquilidade (máximo de 450 persoas, pero é raro que se chegue a esas cantidades en meses de febreiro, marzo ou abril). Especies coma o mascato (Morus bassanus) poden facer que o traxecto de ida e volta a illa sexan un auténtico espectáculo cos seus mergullos con picados que chegan a acadar os 40 metros, o que combinado co seu peso e tamaño teñen coma resultado a velocidades preto dos 100 km/h.

Se queremos achegarnos á observación de aves, hai varios cursos que se ofrecen nos últimos anos que combinan parte teórica e parte práctica, coma os que imparte Diego Rodríguez Vieites, biólogo e guía acreditado do Parque Nacional, coma por exemplo este curso da UNED sobre "A invernada das aves no sur de Galicia".

Falando de fauna temos que falar das bolboretas, en concreto da Euphydryas aurinia ou Doncela de ondas vermellas, un lepidóptero diúrno que no mes de maio podemos atopar a milleiros en Ons porque se alimenta do néctar das dedaleiras. Podes acceder de balde á Guía de Bolboretas do Parque Nacional.

Share