Illas de Galicia - Illa de Tambo
A Illa de Tambo está no interior da Ría de Pontevedra, concretamente no Concello de Poio. O nome xa axuda a identificar a illa, pois a versión histórica máis aceptada asocia este topónimo á raíz latina tumulus ou á grega tumbos. Ambas as dúas palabras fan alusión a unha forma circular e elevada, que é precisamente o que nos atopamos nesta illla cuberta de bastante vexetación arbórea na que predomina o eucalipto.

Imaxe da Asociación Irmandade Illa de Tambo
A Illa de Tambo pertence ao Ministerio de Defensa (propiedade estatal) pero actualmente hai cunha concesión ao Concello de Poio que ten unha duración de 25 anos e que comezou en 2022, isto explica que ata hai moi pouco tempo o acceso á illa estaba moi limitado e tamén que unha parte do que se pode visitar está ligado ao recente pasado militar (cómpre salientar a proximidade á Escola Naval de Marín). Pero a historia da illa remóntase moitos séculos atrás, xa que se atoparon algúns obxectos da Idade de Bronce e tamén hai constancia da existencia dun castro durante a Idade de Ferro (ubicado no Monte de San Facundo). Constrúese unha primeira capela no século VI e no VII fúndase un pequeno mosteiro. Unha data especialmente sinalada é 1116 porque nese ano Dona Urraca dona a illa ao Mosteiro de San Xoán de Poio.
Imaxe da área de Turismo do Concello de Poio
Pasado o tempo no século XVI é víctima de ataques corsarios e en concreto en xullo de 1589 un tal Francis Drake arrasan Tambo e mesmo guindan ao mar unha imaxe de Santa María de Graza, que era a patroa de lugar (seica esa imaxe foi rescatada e restaurada na Capela da Virxe da Renda no lugar de Xuviño, en Combarro).
Despois do ataque de Drake, Tambo fica durante moito tempo coma un lugar de pastoreo e labranza e na Desamortización de Mendizábal (1835-1837) a illa é fragmentada en varias leiras e logo nese mesmo século XIX (1865) se transforma nun lazareto, nun proceso non moi transparente no que o Estado aluga e expropia os dereitos de uso deses terreos. Pero a proximidade á costa e as protestas das xentes da zona fan que axiña se abandone o uso coma lazareto (1879). A Illa de Tambo (ou mellor dito as distintas leiras nas que se framentara a Illa de Tambo) pasa por varias mans ata que acaba sendo propiedade de Montero Ríos, e no 1940 os herdeiros de Montero Ríos venden a Illa de Tambo por UNHA PESETA á entón chamada "Mariña de Guerra". É dicir, 3 anos antes de que se inaugure a Escola Naval de Marín (1943). Houbo moito conflito coa propiedade da Illa desde que Montero Ríos a mercara (problemas co rexistro, co uso da illa unha vez que a Mariña a declara coma un espazo sen interese estratéxico (2002), procesos xurídicos varios, etcétera).

Imaxe dunha actividade en 2026 para visitar Tambo organizada pola Sociedade CD de Raxó e Concello de Poio
Se agora queremos visitar á Illa de Tambo podemos facelo a través das navieiras que ofrecen un servizo de transporte e guiado na illa, en grupos dun máximo de 50 persoas e cunha capacidade total de 200 personas diarias na illa. A duración da visita guiada é dunhas 2 horas-2 horas e media, mais cómpre ter en conta que non hai baños na illa, nin cafetería nin outro tipo de servizos. A normativa tamén sinala que está prohibido fumar, acender lume, arrancar ou levar calquera cousa da illa e non se permite tirar lixo (non hai papeleiras) nin saír das sendas autorizadas. En Semana Santa e verán hai 2 navieiras que ofrecen barcos a Tambo dende Combarro: Mar de Ons e Cruceros Pelegrín. Convén revisar ben a duración e os horarios de partida e volta do barco para axustar os intereses de visitantes á actividade que se realiza.
E non podemos despedir a Illa de Tambo sen falar do Faro de Tenlo Chico, unha torre cilíndrica de formigón de 1922 que ten a particularidade de contar cunha escaleira exterior en espiral que da acceso á lanterna do faro. A continuación tedes unha imaxe do Faro de Alberto de ALVIENTOO e aproveitamos para aconsellarvos que visitedes a súa páxina de viaxes con contidos tan interesantes coma esta sobre que fixo en en 2024 sobre a ILLA DE TAMBO ou no seu perfil de Instagram ou Youtube.

Imaxe do Faro de Tambo de Alvientooo
QUERES DESCUBRIR OUTRAS DE ILLAS DE GALICIA?

