Illas de Galicia - San Simón

20.10.2026

No interior da ría de Vigo, protexido na ensenada que leva o seu nome, atópase un dos arquipélagos máis singulares e cargados de simbolismo de toda Galicia: as illas de San Simón e Santo Antón. Pertencentes ao concello de Redondela (parroquia de Cesantes), estas dúas illas unidas por unha emblemática ponte concentran nos seus escasos metros cadrados unha densidade histórica, literaria e dramática difícil de igualar.

Hoxe en día, recoñecidas como Ben de Interés Cultural (BIC) e recentemente declaradas oficial do Estado como Lugar de Memoria Democrática, emerxen do mar como un espazo de reflexión, cultura e homenaxe contra o esquecemento. 

Un Percorrido polos Séculos: Poesía, Monxes e Piratas. A andaina histórica deste conxunto insular arranca na Idade Media, cando se converteu en refuxio monacal e centro espiritual para diferentes ordes relixiosas, como a dos Bieitos, os Templarios, os Franciscanos ou os Pascualinos.

Pero San Simón tamén foi musa inspiradora. O seu nome quedou gravado para sempre na historia da literatura universal grazas á lírica medieval galego-portuguesa. O célebre trobador Mendinho situou nestas coordenadas a súa máis famosa cantiga de amigo («Sedia-m'eu na ermida de San Simon...»), inmortalizando as ondas da ría na memoria cultural de Europa. Na illa de San Simón podemos atopar unha fermosa homenaxe a Mendinho, Martín Códax e Xoán de Cangas, unha escultura de Manuel Ferreiro Badía instalada en 1998, data na que o Día das Letras homenaxeou ao 3 poetas medievais. A figura de Martín Códax está ligada ao Pergameo Vindel, que é o único documento conservado en todo o mundo que contén a letra e a música de cantigas de amigo galego-portuguesas (finais do XIII-comezos do XIV).

Imaxe do Pergameo Vindel

Porén, a súa estratéxica e resgardada situación xeográfica tamén atraeu a cobiza e o conflito. As illas sufriron as incursións de corsarios míticos como Sir Francis Drake a finais do século XVI e foron o espazo central da Batalla de Rande, onde as escuadras anglo-holandesas derrotaron á frota hispano-francesa cargada de tesouros do Novo Mundo. Lembremos que En 1702, en plena Guerra de Sucesión Española, a Flota de Indias (composta por 19 galeóns españois escoltados por 22 navíos de guerra franceses) cruzaba o Atlántico co cargamento máis valioso xamais acumulado nas colonias americanas. Transportaban toneladas de prata, ouro, xoias, sedas e especias que levaban tres anos retidas en América pola guerra. Para evitar á armada anglo-holandesa que axexaba o sur de España, a frota cambiou o seu rumbo habitual a Cádiz e buscou refuxio no interior da ría de Vigo, internándose protexida tras o estreito de Rande, na ensenada de San Simón.

Desde o propio ano 1703 ata a actualidade, realizáronse máis de 60 expedicións oficiais de cazatesouros de todo o mundo para localizar a prata de Rande. Esta febre polo tesouro chegou a oídos do escritor Julio Verne, quen quedou fascinado polo misterio. Na súa inmortal novela Vinte mil leguas baixo os mares (1869), Verne dedicou un capítulo enteiro á Ría de Vigo. Na ficción, o Capitán Nemo viaxa a Rande a bordo do Nautilus para rescatar o ouro dos galeóns afundidos en 1702, financiando así as súas viaxes e as súas revolucións polo mundo. Hoxe en día, na illa de San Simón pódese contemplar unha escultura que rende homenaxe a esta viaxe literaria do Capitán Nemo.

Indo á literatura contemporánea, a novela O Albatros Negro(2025), publicada pola recoñecida escritora viguesa María Oruña, atopa o seu propio motor e eixo central no mito e a realidade histórica dos tesouros da Batalla de Rande.

O Illamento Sanitario ao Terror do Cárcere. No século XIX, o destino do arquipélago mudou radicalmente cara á función pública e o illamento controlado. Entre 1842 e 1927, transformouse nun lazareto permanente, unha estación de corentena onde os barcos procedentes de portos estranxeiros con pasaxe sospeitosa de portar enfermidades infecciosas —coma o cólera ou a lepra— debían recalar antes de entrar en terra firme. Nesa época levantáronse os grandes pavillóns e a ponte de pedra que conecta San Simón (a "zona limpa") con Santo Antón (a "zona sucia" ou de lazareto).

O capítulo máis escuro e doloroso da súa historia recente chegou co Golpe de Estado e a Guerra Civil Española. Entre 1936 e 1943, o franquismo converteu as instalacións nun campo de concentración e exterminio, un penal polo que pasaron miles de presos políticos de toda España en condicións infrahumanas. San Simón pasou a ser unha "illa prisión", testemuño directo do sufrimento, represalias e fusilamentos masivos que hoxe en día se reivindican como epicentro da memoria histórica democrática en Galicia. Recentemente o filme "San Simón" (2025) escrito e dirixido polo cineasta Miguel Ángel Delgado, aborda de xeito directo o período máis escuro do arquipélago.

Cartel do filme "San Simón" de Miguel Ángel Delgado

Tras o peche do cárcere, os edificios tiveron unha segunda vida na década dos 50 transformouse a illa nun Albergue Nacional e Colonia de Vacacións para os membros da garda persoal de Franco. O 22 de outubro de 1950 produciuse a gran traxedia: unha pequena embarcación de pasaxe chamada "A Monchiña" saíu da illa de volta cara a Redondela. A lancha levaba un sobrepeso excesivo (máis de 60 persoas cando a súa capacidade era de 40). A poucos metros da praia de Cesantes, a lancha envorcou e afundiu, provocando o afogamento de 43 persoas (membros da garda e algúns civís). Debido a este dramático suceso, Franco ordenou pechar inmediatamente o albergue e desaloxar a illa. Cinco anos despois daquela traxedia, as instalacións que quedaran baleiras foron reutilizadas. Entre 1955 e 1963, a illa reabriuse para albergar o Hogar Méndez Núñez, un internado e escola de formación mariñeira destinado especificamente a orfanato para fillos de mariñeiros falecidos ou de familias do mar sen recursos. 

O orfanato funcionou con normalidade ata que pechou definitivamente en 1963 por decisión administrativa e reorganización dos centros de axuda social da época, momento no que a illa caeu nun longo abandono de décadas ata a súa restauración como espazo cultural.

O Presente: A Illa do Pensamento. Tras décadas de abandono, a Xunta de Galicia recuperou o espazo reconverténdoo no proxecto "A Illa do Pensamento", un centro público orientado á creatividade, á investigación científica, ao desenvolvemento cultural e á preservación da natureza. Mais tamén temos o nome de "A Illa da Memoria", que evidencia que nos tempos actuais existen opinión variadas dos usos deste arquipélago, que non sempre son ben acollidas polas veciñas e veciños da contorna nin polos familiares das persoas represaliadas no campo de concentración. 

Algunhas dos eventos que se realizaron en 2026 son:

  • Encordass Fiddle Fest 2026 (Do 3 ao 5 de xullo). O festival internacional dedicado ao violín popular inaugurou o verán na illa. Nesta edición, o festival estivo dedicado a explorar os lazos entre a música tradicional de Galicia e Escocia.

  • Campamento San Simón Fiddle Escocia 2026 (Do 6 ao 12 de xullo). Xusto despois do festival, a illa encheuse de nenos e mozos de entre 7 e 23/25 anos para o seu campamento residencial anual de violín, viola e cello tradicional.

  • Festival Sinsal SON Estrella Galicia 2026 (Do 24 ao 26 de xullo). Un dos eventos máis agardados e recoñecidos a nivel estatal (situado este ano no top 10 de mellores festivais de España pola Fundación Contemporánea) celebrou os seus días centrais na illa.

  • Encontro Paraíso Illa San Simón 2026 (Do 18 ao 20 de setembro). A finais de verán, as illas foron a sede da décima edición do prestixioso programa Residencias Paraíso, organizado polo Colectivo RPM. Este encontro reuniu a numerosos artistas e profesionais de dentro e fóra de Galicia para compartir os procesos creativos de danza e artes vivas desenvolvidos ao longo do ano.

  • Visitas guiadas. Hainas todo o ano pero hai máis frecuencia de oferta nos meses de verán. Como curiosidade o aforo máximo está ligado á capacidade do barco que realiza o traslado, fixando como máximo o dobre da capacidade da embarcación.

Share